A ESPADA ESCALIBOR[1]

Caerleón[2], a cibdade das pedras milenarias

ergueitas polos dioses vencidos das pregarias,

a do ferro batido por barrudos guerreiros

ás proféticas voces de osiánicos[3] troveiros,

a cibdade dos nobres, raciaes prestixios,

bicada do misterio, frorecida en prodixios,

onde as místicas forzas dunha esperanza e dun sono

apiñando unha raza son asento dun trono,

afundida na sombra salaia tatexante

ó arrolo do Uska[4] fervente e resoante,

mentres voa, caíndo, a neve silenzosa

en folerpas miudas como follas de rosa.

Medióu a noite sagra da festa do Nadal

e o xentío enche a nave da vella catedral.

É o pobo que, levando das iras do Destiño,

seguindo o rumbo fúlxido do sol no seu camiño,

tramontando da Europa as fragorosas serras,

dende os castros azúes e as verdecentes terras

das fontes do Danubio, inquedando, esitante,

atravesóu a canle do bravo mar de Atlante

e arribóu ós rodechos que o misterio druida[5]

siñalaba por lindes da terra primetida,

da terra en que repousa afiando as espadas

para as novas, bariles e sagrentas xornadas:

que os gaélicos bardos[6] das arpas armoñosas

xa anunciaron os tempos das loitas fazañosas.

Medióu a noite sagra da festa do Nadal

e fulxe baixo a neve a vella catedral.

Polos longos vidrales e os outros rosetóns,

cos brazos pregadores de salmos e oracións,

a luz saíndo a feixes, en fíos e lampadas,

aloumiña as imaxes no tímpano labradas,

esténdese nos lenzos das paredes espidas,

doira entallas e follas nas colunas froridas

fai brincas os refrexos dos forxados de aceiro

nos cornos e nas poutas das gárgolas do aleiro,

encende as verderroibas cristaíñas adoas

que dos santos de pedra esmaltan as coroas,

en regos luminosos as cornisas percorre

e alungando as raiolas rube á outura da torre.

Toda luz de milagro e pregante rumor,

cuberta de folerpas, a casa de El Señor,

ergueita no albo circo da lonza escarlatina,

semella un cáliz de ouro baizo un cendal de prata.

Estalan con balbordo de trunfadores hinos

no esguío campanario os atronantes sinos,

e os tanguidos de groria van decindo no vento

a nova redentora do santo nacimento.

A bradar sai do tempro a grea relixiosa

e, súpeto, deténse pasmada e silenzosa.

Namentras as campanadas voltexan na outra torre,

a xente, inqueda, sinte que polo adro corre

un resprandor vermello de encantamento sagro

e escoita a voz que zoa nas horas de milagro.

Non nimbo lumioso surde o bardo adiviño,

envolveito en brancuras recendentes de liño,

ollos gazos, profundos, longa barba florida,

cingue a frente coas hedras da coroa druida[7]

e na man, que reloce como un lirio bendito,

ten a fouce de outo do litúrxico rito;

a fouce segadorada mandrágora, o raio

de feitizo e de agoiro dos luares de Maio.

É Merlín o profeta, o celta armoricán[8],

dos silfos[9] e das lumias[10] ollado por irmán,

sabidor dos encantos e os máxicos conxuros,

das virtudes das herbas e dos fados escuros,

que nos craros dos bosques e os baixíos costeiros

deprendéu o diviño lenguaxe dos luceiros;

o bardo[11] das edades, o da segreda cencia

que a terra fixo súa, impóndolle obedencia

ás ágoas da riada, ós rochedos do cume,

ás nubes da tromenta, á ardentía do lume.

Impoñente, amostrando nativa maxestade,

na mirada un sereo craror de eternidade,

ten ós pres —cruz de ouro, folla núa afiada—,

sobre o manto da neve unha fúlxida espada.

Aceiro puro e virxe das entrañas da terra,

cos lumes sideraes das estrelas en guerra

nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,

que no dolmen batido e no Xordán temprado,

foille dado a unha raza de homes sans e valentes,

cabeceira de pobos, guiadora de xentes,

para impor unha crenza, siñalando o camiño

que por riba dos tempos leva ó trunfo diviño.

Ergueito como o pino que as outas nubes fende,

os brazos sarmentosos o bardo ós ceos tende,

e escóitase na noite solene resoar

a súa voz bruante, sonora como o mar:

Baixo a dozura do ceo

da nobre Galicia irmán,

onde pola nosa groria

inda doirando o fogar

vive aceso o lume sagro

dos craros días do clan,

hai unha illa encantada

de rocheos de coral,

esmeralda verdegaia

ó resprandor do luar,

bicada de manseliñas

ágoas de limpo cristal

nas que as sirenas ensaian

seu namorante cantar

mentras os pinos lanzales

escoitan voces leviáns

que chegan esmorecidas

do misterio de alén-mar.

Amada dos vellos dioses,

mortos e esquecidos xa,

que Sálvora[12] lle chamaron

afeitos nela a topar

repouso doce e tranquío

de celestiaes afáns,

inda está tendida a escada

que baixa do ceo ó chan,

envolveita e recuberta

de bretemoso cendal

feito de rendas garnidas

por diviños teceláns.

Nunha furna que galgantes

zarran as ondas do mar,

apreixada nas firentes

poutas dun aguia reial,

gardada por un dragón

de alento que é solimán,

brilaba a fúlxida espada

Escalibor[13], o trunfal

aceiro da heroica edade

cantada por Osián[14]

que ten de ser sobre a terra

ergueita en céltigas mans,

símbolo, florón e escudo

da Cruz, do Amor e da Paz.

De beizos de Taliensín[15]

honra da raza de Celt[16]

que na devesa dos bardos

por seu herdeiro me unxéu,

fóronme ditas as verbas

de encantamento e poder

con que a inorada ribeira

de areas de ouro alcancéi.

Aberta a furna segreda,

á hora do estrelecer

na arpa das nove cordas

a libertade preguéi

do pobo por Dios chamado

o seu lábaro a soster.

Ardendo en chamas vermellas,

o dragón morto caiéu.

E o aguia, de azas abertas

ras do escumoso ferver

das verdes ágoas, voando,

foise perdendo no alén.

Como raiola da lúa,

cravado en terra, a tremer,

ficóu o máxico aceiro

que está tendido ós meus pes.

Valeiro o céltigo trono,

o Ceo disposto ten

que, seia nobre ou pecheiro,

o que a espada poida erguer,

en trunfo e groria da raza

cinga a coroa de Rei.

Cando o bardo profeta recadóu en silenzo,

foi aberto o xuicio e a proba dou comenzo.

Con esforzo xigante, pola cruz aferrada,

un a un os máis fortes erguer queren a espada;

mais vencidos, maltreitos, decaídos na arela,

todos renden o peito sin que alcancen movela.

Alí foron crebados esforzo e poderío

das ponlas máis louzanas do vello señorío:

Cumar[17], a lanza forte de encastelado asento

na Armórica[18] mariña do ceo neboento;

Caruth[19], rubí queimante da Caste de Fingal[20],

temido por ousado, querido por leial,

que as frechas voadoras detén no seu camiño

e nos cumes asalta ó aguia no seu niño;

o nobre Bedivere[21], o cabaleiro fiel,

forteza de carballo e dozura de mel;

Brásidas[22] valeroso, a quen Brigo[23] dou vida

na Galicia paterna, de sona escrarecida,

loitador a coitelo, sin escudos nin mallas,

brazo a brazo, cos osos nos pinales de Xallas[24].

Alí foron, da forza do miragro, rendidos

de Erín[25] e Caledonia[26] os mozos máis ardidos.

Incensado, antre os coros, o palio arcebispal

adianta pola nave da santa catedral,

e cuberto de rendas e de báculo alzado,

sobre o peito tremente Xesús crucificado,

nos beatos dooridos fervorosa pregaria,

o prelado benzoa a espada lexendaria

e á beira dela, orante, agarda ó trunfador

que a erga en ben da raza e en honra de El Señor.

De novo, os cabaleiros máis bariles e bravos,

os máis rudos vilegos e os máis rexos escravos,

apreixan con firmeza o máxico mandobre:

no circo sobre a neve tendido fica inmobre,

mentras, vendo afundirse os seus sonos de groria

e a dos tempos antigos fazañosa memoria,

o xentío, frebento, nun cramor relixioso

prega ós ceos o brazo dun herói miragroso.

Lanzal gallo frorido no tronco da realeza,

ó par escrarecido no berce e na forteza,

o orfo do rei Uther[27], o príncipe varudo

chamado a ser do reino a coluna e o escudo,

que no albor da máis leda garrida mocedade

é espello ledizoso de honor e lealdade,

adiántase, e ós ventos o airón enloitado,

o xubón en sinxela fina malla trenzado,

as esporas calzadas, encendido no peito

o ardor que pon o ceo no unxido e no escolleito,

sin divisa guerreira nin reforzo de guante

chega ó circo do sagro craror escintilante,

apreixa o puño de ouro aceso en resprandores,

o pensamento en xuro da fe dos seus maiores,

e alzando á outura a nobre lumiosa mirada,

ó pobo axoellado arrostra a rexa espada

que, ergueita docemente, brandea na súa man

como pruma abalada dun ventiño levián.

Seguro da diviña e trunfadora axuda,

con brados de ledicia o xentío saúda

ó forte mozo esgrevio[28] en quen presinte o Rei

que imporá ó mundo enteiro o lábaro e a lei;

que teñen os da caste baril de Pendragón[29]

azas fortes de aguia e poutas de león.

A neve, recollendo seus cendales de noiva,

deixóu ver das estrelas a fúlxida luz roiba;

batidos os badales de anxélicos sineiros[30],

verteron na cibdade soídos milagreiros;

e, en honor e louvanza da mística vitoria,

resoóu ceo adiante un cántico de groria.

O príncipe trunfante na catedral é entrado

e das céltigas xentes novo Rei coroado,

No entanto que deixando un raio ardente e louro

na escuridade, aberto pola fouce de ouro

o profeta que a verba de Taliensín[31] unxéu

e a espada defensora da Raza conquireu

o bardo dos ollos gazos e da barba frorida

desaparece en silenzo na noite estrelecida.

Rei Artur[32] de ollos pechos nun ensoño diviño,

pide forzas ó ceo para dar co camiño,

e nestora solene de visión sagra e fonda,

descorridos os velos, veo a Táboa Redonda,

a lexión trunfadora, a bélica irmandade

que ten de ser nos séculos blasón da cristiandade.

Cando a espada cinguida e na frente a coroa,

cubizando sosego, o estrado abandoa

e na porta dos reises antre os nobres parece,

linda dona ó seu paso unha rosa lle ofrece.

Polo doce presente un istante detido,

sinte o neno e sinxelo corazón malferido

que o Amor, da doncela no brial en axexo[33],

enchantóulle na entraña o seu dardo máis rexo.

Lirio de ouro frorido no varal miragroso

do nobre Cournailles antigo e prestixioso,

máis belida que as rosas de Sarón[34] ten a cara

a princesa louriña, a xentil Guanhumara[35].

¡Máis belida que as rosas de Sarón a princesa,

leva a alma en rencores criminaes acesa!

Non darán fror tres veces as campías de Tura[36]

sin que o trono se vexa anegado en tristura;

que a vegada de loito e dolor se aveciña

en que o Rei ten de alzada por señora e raíña,

e, cinguida a coroa por soberbia arelada,

a pureza do leito ten de ser enlixada

da treición de Medraldo[37], a serpe pozoñenta

que no furo sombrizo do seu peito adormenta.

Ó vir do día esperta do seu sono a cibdade

doirada por festeira, ridora craridade.

É unha verde esmeralda o mar raso e tranquío,

e vereda de prata son as ágoas do río.

As nubes no hourizonte finxen rendas de seda,

e ten soes das arpas o rumor da arboreda.

Dende as fontes do Uska, a voar, a voar,

pola comba[38] do ceo, sobre o espello do mar,

vese o aguia imperante que na illa encanta

por mandado segredo tivo a máxica espada,

e no ar recendente da mañán luminosa

vai rubindo, rubindo, feita cruz, maxestosa,

polo azul diamantino e das nubes encol,

¡a fundirse nos ouros encendidos do sol!